martes, 1 de noviembre de 2011

EDUCACIÓN E NOVAS TECNOLOXÍAS

As novas tecnoloxías aplicadas á educación están de moda. É indubidable. Dende a Xunta créanse as aulas Abalar e os IES e demais Centros –as Direccións- non queren perder o tren e intentan subirse a el solicitando de Claustros e Consellos Escolares a súa aprobación para o devandito programa.
Pero todo isto non sen conflitos, confrontacións ou dúbidas por parte do profesorado. Hai o que directamente descualifica o proxecto dicindo que será fonte de problemas nas aulas e que non vai funcionar. Outros opinan que xa van maiores para cambiar o “chip” e que, incluso, lles deberían dar a oportunidade de se xubilar antes para que no seu lugar entre “seiva” nova. Algúns pensan que é unha oportunidade irrenunciable a dotar as aulas e os alumnos/as de medios. E estoutros consideramos que xa está ben de dar as clases coma sempre –aínda que funcionen- e que cómpre experimentar novos xeitos para lograr implicar máis o alumnado no proxecto común que é a súa formación integral.
Pero se cadra non abonda con botar man dunha presentación ou dun vídeo de youtube e a transformación ten que ser total para acadar que o ensino sexa cooperativo e participativo por parte do alumnado e así conseguir o desenvolvemento dunha actitude crítica que o axude a defenderse nesta sociedade na que está inserido.
Para realizar este labor educativo coas novas tecnoloxías, eu creo que ao profesorado nos falta moita formación e moita información, tamén concienciación e, en moitos casos, a carestía de medios tampouco axuda. Porque, como di Jordi Adell, “no se han cambiado muchas creencias pedagógicas de los docentes, solo nos hemos preocupado de sus competencias técnicas en la esperanza de que la innovación didáctica y la calidad vendría sola ...”
Precisamos, en fin, unha reforma pedagóxica integral que non se logra da noite para a mañá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario