jueves, 1 de diciembre de 2011

Déixovos aquí un glog que creei para recoller a información vista na clase sobre o plurilingüismo e as linguas no Estado español. Titúlase A riqueza das linguas e agardo que sexa do voso gusto e de proveito.

martes, 29 de noviembre de 2011

Como axiña imos ver adxectivos cualificativos que serven para caracterizar e describir as persoas, propóñovos este xogo, que consiste en tirar da nube de palabras sinónimos e antónimos das seguintes:
  • leda:
  • espelido:
  • apoucada:
  • arroutado:
  • fachendosa:
  • extravertido:

Wordle: Somos como somos


lunes, 21 de noviembre de 2011

O exército do bosque

Velaquí tedes un poema de Manuel Rivas recollido na súa antoloxía  O pobo da noite que serve como exemplo ideal para ilustrar o que son as personificacións ou prosopopeas. Nesta edición vén acompañado da música de César Morán e está recitado polo propio Rivas. No videopoema que vos achego ten de fondo o Inverno de Vivaldi. Desexo que vos guste.
O exército do bosque on PhotoPeach

domingo, 6 de noviembre de 2011

Velaquí unha presentación sobre o que son  os tópicos literarios. Non están todos, só uns cantos de mostra.

martes, 1 de noviembre de 2011

EDUCACIÓN E NOVAS TECNOLOXÍAS

As novas tecnoloxías aplicadas á educación están de moda. É indubidable. Dende a Xunta créanse as aulas Abalar e os IES e demais Centros –as Direccións- non queren perder o tren e intentan subirse a el solicitando de Claustros e Consellos Escolares a súa aprobación para o devandito programa.
Pero todo isto non sen conflitos, confrontacións ou dúbidas por parte do profesorado. Hai o que directamente descualifica o proxecto dicindo que será fonte de problemas nas aulas e que non vai funcionar. Outros opinan que xa van maiores para cambiar o “chip” e que, incluso, lles deberían dar a oportunidade de se xubilar antes para que no seu lugar entre “seiva” nova. Algúns pensan que é unha oportunidade irrenunciable a dotar as aulas e os alumnos/as de medios. E estoutros consideramos que xa está ben de dar as clases coma sempre –aínda que funcionen- e que cómpre experimentar novos xeitos para lograr implicar máis o alumnado no proxecto común que é a súa formación integral.
Pero se cadra non abonda con botar man dunha presentación ou dun vídeo de youtube e a transformación ten que ser total para acadar que o ensino sexa cooperativo e participativo por parte do alumnado e así conseguir o desenvolvemento dunha actitude crítica que o axude a defenderse nesta sociedade na que está inserido.
Para realizar este labor educativo coas novas tecnoloxías, eu creo que ao profesorado nos falta moita formación e moita información, tamén concienciación e, en moitos casos, a carestía de medios tampouco axuda. Porque, como di Jordi Adell, “no se han cambiado muchas creencias pedagógicas de los docentes, solo nos hemos preocupado de sus competencias técnicas en la esperanza de que la innovación didáctica y la calidad vendría sola ...”
Precisamos, en fin, unha reforma pedagóxica integral que non se logra da noite para a mañá.

lunes, 24 de octubre de 2011

Animación á lectura

Como en 1º de ESO temos catro sesións de Lingua galega e literatura, se ao longo da semana non se “perde” ningunha delas, dedicamos unha clase a ler en alto e en grupo, procurando dramatizar a lectura. Actualmente estamos a ler O achado do castro, obra de Manuel Núñez Singala, que agardo guste moito a todo@s.
Por outra banda está o libro de lectura obrigatoria, sobre o que, tras o control de lectura, teredes que facer unha recensión seguindo un guión. Vóuvolo amosar, así como algúns exemplos de recensións que logo elixiremos e montaremos nun formato atractivo e poñeremos en taboleiros e na páxina.
 

Slogan da campaña de lectura
 

martes, 18 de octubre de 2011

BLOG DOS ALUMNOS/AS DE LINGUA GALEGA DE 1º ESO B DO IES Nº 1 DE ORDES

Ola a todos e a todas! Velaquí o que pretende ser un espazo aberto á expresión en lingua galega,  á inquietude literaria e lingüística  en relación co galego e á animación á lectura.
En principio o meu blog  pretende ser de interese para os meus alumnos de 1º de  ESO e, claro está, tamén  a todo aquel que lle  guste o que aquí escribo.

Canto á lectura, os rapaces novos, e sobre todo as rapazas, seguen moi de cerca os best seller de S. Meyer, as novelas da saga Crepúsculo. Tamén as películas! E parece que a imaxe do vampiro vén cobrando actualidade nestes últimos anos. Eu quería lembrar que algúns dos  escritores galegos actuais máis seguidos por parte da mocidade, como Fernández Paz, tamén incluíron esta criatura nos seus relatos. Pensemos no particular Drácula  de "Un problema de ósos" de Amor dos quince anos, Marilyn. Relato este, por certo, que debe moito ao cine e que eu penso, constitúe unha homenaxe  a esta arte.
Tamén Marilar Aleixandre empezou a escribir cun relato titulado "Agardando polos morcegos"